Friday 01 de November de 2024

A décimo primeira edición da Feira Multisectorial Agrícola abre as súas portas esta tarde no recinto feiral do Trece


A primeira das tres xornadas da décimo primeira edición da Feira Multisectorial Agrícola organizada polo Concello terá lugar esta mesma tarde, a partir das 18.00 horas. Será entón cando abra as súas portas o recinto Feiral do Trece, en Sedes, donde se desenvolverá este evento que continuará mañá e o domingo en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas e con entrada de balde, tal e como indicou o edil de Feiras e Mercados, Santiago Galego.

Un ano máis, a convocatoria resultará unha oportunidade para coñecer as últimas novidades na área da maquinaria agrícola, que permanecerán expostas no exterior das naves do Trece. Así mesmo, entre a trintena de postos que acudirán, tamén se poderán adquirir produtos ecolóxicos, artesáns, antigüidades, prantas ornamentais e da horta, artículos de coiro… e tamén de alimentación (conservas, queixos, embutidos), de agricultura e xardinería, entre outros.

O programa de actividades inclúe nas xornadas de mañá e do domingo unha serie de obradoiros dirixidos a nenas e nenos, que aprenderán como plantar algunas especies. Non será preciso inscribirse previamente e poderán participar tamén de balde nos horarios establecidos: de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas os dous días.

No momento de acceder ao recinto entregarase aos asistentes unha rifa coa que poderán participar no sorteo de varios agasallos: árbores froiteiras, prantas, produtos da horta… que se realizarán o sábado e o domingo en horario de mañá e de tarde, xornadas nas que tamén, entre as 13.00 e as 14.00 horas, haberá unha degustación de produtos da terra.